ACTIVIDADES CURSO 2022/2023


En outubro comezamos coas clases de canto, pandeireta, baile tradicional, gaita, percusión, acordeón, violín e solfexo para gaita. Infórmate
aquí e apúntate a calquera das clases sen compromiso xa que o primeiro mes é de balde. É o momento de vir con nós para gozar a música tradicional con calquera idade e nivel de coñecemento. Agardámoste!

ALBORADA DAS FESTAS PATRONAIS


O mércores 17 de agosto saímos de alborada polas rúas de Sada para dar comezo a outro día de festa no concello. É unha ledicia para nós participar nas festas do noso pobo. Festa!

40º EDICIÓN DA FESTA DOS VELLOS EN CARNOEDO


O sábado 6 de agosto botamos unhas pezas na marabillosa Festa dos Vellos que organiza a Asociación de veciños Armental de Carnoedo (Sada).

Este ano, outros catro veciños foron homenaxeados.

Parabéns a todos!

FESTIVAL DE FOLCLORE

INTERNACIONAL EN FRANCIA


O 23 e 24 de xullo participamos no 40º Portes Ouvertes de Imbsheim.
Queriamos agradecerlle ao Groupe Folklorique du Pays de Hanau de Bouxviller a marabillosa acollida que nos facía sentir como na nosa casa.

Unha viaxe inesquecible, na que participamos case toda a nosa asociación.

FESTIVAL INTERNACIONAL DO MUNDO CELTA DE ORTIGUEIRA 2022

O 15,16 e 17 de xullo participamos no Festival de Ortigueira, un referente da música celta e declarado de Interese Turístico Internacional. Foi un gran pracer percorrer as rúas tocando a nosa música. Agradecemos a acollida recibida á organización deste fermoso festival musical e agardamos volver noutra edición.

QUEIROA NO PROGRAMA LUAR


O venres 8 de xullo aceptamos a invitación do Luar, o senlleiro programa da Televisión de Galicia. En dúas ocasións subimos ao escenario trala presentación do inimitable Gayoso.

Quedamos moi agradecidos polo trato e dispostos a volver cando queiran.

QUEIROA NA RÚA 2022

O primeiro fin de semana de xullo, celebramos o quinto Queiroa na Rúa. Agora é o momento de agradecer tanta axuda que recibín.
A toda esa xente que está detrás de min e que saca adiante esta asociación, aos alumn@s, mestr@s, directiva, familias, etc.
As compañeiras e compañeiros da Ponte Vella, por ese marabilloso espectáculo!
A Comando Curuxás, por pechar cun gran concerto o noso festival.
As entidades colaboradoras que sempre están apoiándonos, o Concello de Sada e a Deputación da Coruña.
E a vós, o noso público!
O ano que vén… máis e mellor!

CAMPAMENTO DE VERÁN QUEIROA 2022


Do 27 de xuño ao 1 de xullo celebramos un campamento dirixido a rapaces de idades entre os tres e os doce anos. Participaron en concertos, obradoiros, excursións, xogos, etc. Tampouco faltou a nosa música e baile tradicional para a cativada.

Marabillosas xornadas!

VIII FESTA AMANEXA


O sábado 25 de xuño volvemos de novo a foliada dos veciños da A. C. O Amanexo.

Tocando e bailando pasamos a noite en Dexo. Verémonos na novena Festa Amanexa!

FESTA DE SAN XOÁN DO COTO


O día 24 de xuño fomos invitados a tocar na procesión da romaría de San Xoán do Coto, na parroquia de Paderne en Oza-Cesuras.

Foi un pracer comezar este verán tocando neste fermoso lugar.

X FESTIVAL INFANTIL DA

A. C. LEMBRANZAS DA RÍA


O sábado 11 de xuño participamos en Cangas na décima edición do festival infantil organizado pola
A. C. Lembranzas da Ría.


Unha tarde marabillosa, ben acompañados, cantando, tocando e bailando nas fermosas rias baixas.

FESTIVAL A PONTE VELLA


O sábado 28 de maio actuamos no Centro Cultural da Ponte Vella, en Teo (A Coruña).

Quedamos moi agradecidos pola invitación do Grupo de Baile e Música tradicional A Ponte Vella, que foi o que organizou este fermoso festival.

VII FESTIVAL DA ESCOLIÑA


O domingo 22 de maio celebramos a festa dos máis novos da asociación, o tradicional Festival da Escoliña.
Este ano tivemos o pracer de estar acompañados pola A. C. Lembranzas da Ría de Cangas do Morrazo.
O futuro da música tradicional galega está en boas mans.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS


Celebramos o día das Letras Galegas na carpa da Praza Irmáns Suárez Picallo xunto a Banda Municipal de Música de Sada.


Alí participamos no "Concerto das Letras Galegas" bailando e tocando unhas pezas.

Parabéns galegos!

CONCERTOS DIDÁCTICOS


A piques do día das letras galegas é un bo momento de acercar aos rapaces e rapazas a música e baile tradicional e os instrumentos musicais da nosa terra.
Foi un pracer visitar aos escolares.

O martes 10 de maio estivemos na Escola Infantil Municipal Flora Ramos.
O venres 13 de maio no C.E.I.P. Sada y sus Contornos.

29 DE ABRIL
DÍA INTERNACIONAL DA DANZA


Nós, este sábado 30 de abril, celebramos o Día Internacional da Danza facendo unhas aulas de baile tradicional na Praza Irmáns Suárez Picallo do noso concello.


Cos numerosos veciños que se acercaron a botar uns bailes pasamos unha tarde marabillosa.

VISITA AO PAZO DE MEIRÁS


Os días 9 e 10 de abril tivemos a sorte de visitar o Pazo de Meirás de Sada.
Un lugar moi preto da nosa sede social que foi declarado Ben de Interese Cultural.
Unha visita moi interesante e recomendada!

FIN DE FESTA DE

"QUEIROA NA MEMORIA"

Chegou o momento de dar por rematadas as actuacións da nosa exposición.
O sábado 26 tivemos o prometedor grupo de violín tocando unhas pezas na capela.
E para o domingo 27, gardamos un concerto didáctico para saber un pouco máis da nosa tradición musical.
Xa pola tarde, os protagonistas foron os integrantes do grupo de acordeón.
Parabéns artistas!

Queremos dar as grazas a todos os visitantes da exposición, esperamos que lles agradara e aprenderan un chisco da historia da música tradicional do noso concello.

PEDRO LAMAS “GAITEIR@S DE SADA: ESTADO DA CUESTIÓN”


Este domingo 20 de marzo, o noso convidado ao "Queiroa na memoria", foi o gran músico galego Pedro Lamas.


Ademais de tocarnos unha pezas das Mariñas falounos da música tradicional de Sada e de formacións como A Troula e Os Mariñáns.
Moi interesante súa intervención. Grazas Pedro.

QUEIROA NA MEMORIA - ARNELA


O domingo 13, as pandeireteiras do grupo Arnela comezaron cos espectáculos semanais da exposición que celebra o vixésimo aniversario do nacemento da nosa prezada asociación.


Festa tradicional na Capela de San Roque!

VI ENCONTRO DE GRUPOS TRADICIONAIS


O sábado 12 de marzo, no auditorio do Conservatorio de Culleredo, participamos no VI Encontro de Grupos Tradicionais con dous grupos máis, Azougue de Betanzos e Sementeira de Cambre.


Os primeiros en actuar...Queiroa!

Parabéns rapaces e rapazas!

EXPOSICIÓN "QUEIROA NA MEMORIA"


Entre o 8 e o 30 de marzo, na capela de San Roque de Sada organizamos a exposición "Queiroa na memoria".
Un recorrido de vinte anos de folclore da nosa asociación. Iremos anunciando actuacións por mor deste acontecemento nas nosas redes sociais.
Estás convidado! Agardámoste!

XXXVI FESTA DA FILLOA DE SADA

Este domingo 27 de febreiro estivemos celebrando o Entroido a carón da Terraza na trixésima sexta Festa da Filloa de Sada.


Moitísimas grazas ao numeroso público que degustaba as filloas sempre acompañadas coa nosa música tradicional.