IV FESTIVAL SOLIDARIO

O luns 26 de decembro no Centro Ágora de A Coruña, a A.C. Xacarandaina organizou o seu 4º Festival Solidario de Nadal. Este ano os nosos grupos “Alborelle” e “Morazón” da Escoliña e o grupo de gaita e percusión participaron neste acto solidario para recadar axuda para a Cruz Vermella.
A entrada ó Festival foi unha doazón de produtos de hixiene infantil para os máis necesitados.

ACTUACIÓN DA ESCOLIÑA

O grupo “Cacharrete” de Queiroa actuou o 14 de decembro no Complexo Xerontolóxico La Milagrosa  en A Coruña. Nenos e nenas de 3 a 5 anos bailando e tocando a pandeireta ós residentes, acompañados polo grupo de gaita e percusión maila súa monitora. Marabillosa tarde!

LOTARÍA DE NADAL

Xa temos lotaría, para todolos/as que esteades desexando ter sorte na Lotaría de Nadal, non vos esquezades de merca-las nosas participacións!
Vedes que número máis fermoso temos, como non vai tocar?
Sorte a todos/as.

IX FOLIADA DE SADA

Nas datas da tradicional celebración do Samaín, onde os Celtas rendían culto ós ancestros falecidos, o derradeiro sábado de outubro, Queiroa celebrou a IX Foliada de Sada. Despois do Concerto Didáctico da Foliadiña, máis dunha decena de grupos da bisbarra amenizáronnos a noite e fixeron bailar ós asistentes e ó noso Grupo de Baile.
No bochinche repartimos castañas asadas, Chouripáns, bebidas e ó final da festa queimada e caldo de balde.

Non queda outra que agradecer á xente que colaborou dalgún xeito o seu esforzo, que foi indispensable para que a nosa IX Foliada de Sada tivera este resultado tan positivo. Se queredes ver máis fotos podedes entrar aquí no noso Instagram.

MAGOSTO DA ASOCIACIÓN DE

VECIÑOS  ARMENTAL


O sábado 22 de outubro a Asociación de Veciños Armental de Carnoedo celebrou o seu magosto con castañas asadas, bolos preñados, touciño asado etc.
Non faltaron varias actuacións para entreter ós asistentes.


A Escoliña de Queiroa participou poñendo a música tradicional que non pode faltar nunha celebración tan enxebre.

II CERVEFEIRA ARTESÁ

A II Cervefeira Artesá tivo lugar en Sada do 21 o 23 de outubro na carpa instalada detrás do edificio da Terraza.
O sábado 22 o grupo de gaita e percusión, e varios dos nosos grupos de cantareiras/os e pandeireteiras/os achegaron a música tradicional galega para o deleite dos presentes mentres degustanban algún dos máis de trinta tipos de cervexa artesá presentes nesta feira.

ACTIVIDADES PARA O VINDEIRO CURSO 2016-2017

Como de costume comezamos as clases partir de outubro con cinco actividades: canto e pandeireta, baile tradicional, gaita, percusión e acordeón.
Podes vir xunta nós cando che apeteza e probar en calquera das clases, o primeiro mes é de balde.

Calquera dúbida que teñas será aclarada nos teléfonos que aparecen  na parte baixa do cartel, ou entrando en contacte nesta web.

Apúntate canto antes, esperámoste !

SARDIÑADA EN SADA

Como cada ano, o día 18 de agosto, a comarca coruñesa tivo unha cita festeira inmellorable na zona do Curruncho de Sada coa Gran Sardiñada Popular, declarada festa de interese turístico.


A Asociación Queiroa amenizou a sardiñada coa música e o baile tradicional das súas bailadoras para a multitude de xente que asistiu a degustar as sardiñas, pan de broa e viño.

FESTIVAL FOLCLÓRICO INFANTIL

O luns 25 de xullo nas festas de Santa Ana en Mera (Oleiros), a "Escoliña de Queiroa" participou no Festival Folclórico Infantil na praza Ana Kiro acompañando á A. C. "A Marola" de Mera.

GALA QUEIROA

O sábado 9 de xullo ás 21:00 horas na Casa da Cultura “Pintor Lloréns”de Sada, festexamos a novena Gala Queiroa que levaba o título de “... por bailar".
Como de costume foi gran espectáculo que partiu da recompilación da riqueza do noso folclore galego para amosala a todos os asistentes para que a coñezan, gocen e aprendan a valorala.
Podes consultar no tríptico as pezas e os participantes.
Deica o ano que ven!

SARDIÑADA DE SAN XOÁN 2016

AA.VV. ARMENTAL DE CARNOEDO

O sábado 25 de xuño ás 20:00 horas deu comezo a sardiñada, con pan de broa, cachelos, viño café e torta larpeira.

Nese mesmo intre o grupo de gaita e percusión de Queiroa tocou varias pezas amenizando o comezo da festa.

QUEIROA NO PROGRAMA LUAR DA TVG

O vindeiro venres 24 de xuño, a A.M.D.T. Queiroa  acadará a  cuarta participación no programa Luar da Televisión de Galicia.
Desta volta os artistas que actuaron  son os pequenos da asociación, os dous grupos con rapaces de maior idade da Escoliña “Morazón” e “Alborelle” acompañados por compoñentes do grupo de gaita.
Debido ó día festivo autonómico do día 24 o programa gravouse uns días antes da data de emisión.
Non te esquezas de vernos no Luar da TVG o venres a partir das 22:00 horas.

SAN XOÁN 2016

CONCELLO DE SADA

 

O 23 de xuño no Curruncho de Sada festexamos a sardiñada de San Xoán do noso concello.

O programa festivo comezou a partir das 20:00 horas coa actuación da Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa.

SARDIÑADA DE SAN XOÁN QUEIROA

Este sábado 18 de xuño celebramos a tradicional sardiñada no Bosque dos Ameneiros en Vertín (Mondego - Sada), a partir das 21:00 horas.

Con sardiñas e xurelos, roxóns, salchichas, patacas, pan de broa, bebidas e doce para cear todos xuntos e gozar da gran familia que formamos toda a Asociación de música e danza tradicional Queiroa.

II FESTIVAL DA ESCOLIÑA

O II Festival da Escoliña celebrouse enchendo de público o auditorio da Casa da Cultura de Sada, o domingo 5 de xuño ás 18:00 horas.
Os grupos “ Cacharrete”, “Trasín”, “Alborelle” e “Morazón”, mais o grupo de gaita e percusión actuaron acompañados no escenario pola Agrupación Cultural A Marola de Mera (Oleiros).

XXVII CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL XACARANDAINA

O domingo 29 de maio, a A. C. Xacarandaina celebrou o XXVII Concurso de música tradicional Xacarandaina, no Centro Cultural Ágora de A Coruña.

A Asociación Queiroa participou neste prestixioso concurso con dous grupos "Morazón" e "Arnela".

Arnela acadou un merecido tercer premio!

Parabéns rapazas!

 

A.C. IRMÁNS SUÁREZ PICALLO

PRESENTOU A NOVA REVISTA

"AREAL"

O 22 de abril na Casa da Cultura de Sada, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo presentou o novo número da revista “Areal”.


Nesta ocasión o acto de presentación do número 12 desta revista semestral contou coa actuación da asociación Queiroa.


XVII CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL XIRADELA

O día 10 de abril celebrouse o XVII Concurso de Música Tradicional Xiradela, que organiza a Asociación Xuvenil Xiradela no Centro Cívico Cultural de Arteixo.

A nosa Asociación non podía faltar a este fenomenal concurso, no que o ano pasado acadou un 3º premio na categoría B de pandeireteiras co "Grupo Cirro".

Desta volta concursou o noso "Grupo Morazón".

 

COCIDO DE ENTROIDO


O sábado 13 de febreiro Queiroa celebrou a súa comida anual de entroido no Mesón Riobao de Sada.

QUEIROA NO LUAR

O venres 22 de xaneiro actuamos no programa Luar da Televisión de Galicia. Nesta terceira participación da Asociación Queiroa no programa, presentamos unha  fermosa peza de baile tradicional.

Como de costume non defraudaron e ofrecéronos un fenomenal espectáculo!