I XANTAR GAITEIRIL DE OS SOBRAOS DE BERGONDO

HOMENAXE A RAÚL GALEGO


O sábado, 25 de Novembro, estivemos nunha emotiva homenaxe ó noso "gaiteiro cabaleiro": Raúl Galego.

Organizada polos nosos compañeiros de "Os Sobraos de Bergondo", que tan amablemente nos convidaron a formar parte da devandita homenaxe, facendo o que máis nos gusta facer: tocar e cantar unhas pezas.

O noso agradecemento a "Os Sobraos de Bergondo" polo convite, e os nosos máis afectuosos parabéns  a tan ilustre homenaxeado.


X FOLIADA DE SADA

O 4 de novembro festexamos a carón da Terraza a nosa X Foliada de Sada, con foliadiña para a morea de rapaces e rapazas que nos acompañaron.
Despois na foliada aberta celebrouse o VII Concurso de baile por parellas.

III CERVEFEIRA DE SADA

Os días 29 e 30 de setembro e o 1 de outubro celébrase a III Cervefeira de Sada, onde poderedes degustar máis de trinta variedades de cervexa artesá de todo o país.


O sábado pola tarde o grupo de gaita e percusión e varios de pandeireteiras/os poñerán a música tradicional tan necesaria nunha festa coma esta.


Un fin de semana cunha morea de actividades para tódolos gustos.

ACTIVIDADES  DO NOVO CURSO


No  mes de outubro comezamo-lo curso 2017/2018 con varias novidades interesantes. Para esta tempada aumentamos un grupo na Escoliña para poder distribuír axeitadamente por  idades as nenas e nenos.
Tamén estreamos a sexta actividade, violín, que esperamos que se consolide e aumente como xa pasou coa de acordeón.
Lembramos que pódese comezar en calquera momento, vide probar que o mes no que se comeza é de balde.

Infórmate sen compromiso.  Anímate e ven con nós!

FESTAS PATRONAIS 2017


O venres 18 de agosto comezamos ás 11:00 horas cunha alborada polas rúas de Sada.
Pola tarde estivemos no Curruncho, ó lado da Praia das Delicias, animando con música e baile a tradicional a sardiñada popular das Festas de San Roque.


VODAS DE OURO EN BERGONDO


O 12 de agosto convidáronnos a darlles unha sorpresa a dous namorados que celebraban o quincuaxésimo aniversario de vodas en San Xoán de Ouces (Bergondo).
Parabéns Manolo e Pilar!

QUEIROA NA RÚA

O sábado 8 de xullo no paseo marítimo de Sada celebramos o festival “Queiroa na rúa”.
O público acompañounos en todo momento para presencia-la  nosa actuación con A.C. Son d’aquí, os concertos folk de Tonecho Castelos & Pablo Esqueira e os Primordiais.

Se quere ver fotos e vídeos do evento pode seguirnos nas redes sociais, e para ler o contido do festival pode consultalo aquí.

SERÁN D'AQUÍ 2017

O día 1 de xullo estivemos convidados polos amigos da A. C. Son d’aquí de A Coruña para participar no seu serán.


Comezamos ás 19:00 horas percorrendo as rúas ata rematar na praza dos Avós en Monte Alto
.


Tocando, cantando e bailando pasounos a tardiña voando.

SARDIÑADA DE SAN XOÁN NO CURRUNCHO


O venres 23 de xuño estivémo-la tardiña tocando, cantando e bailando no Curruncho, a carón da Praia das Delicias, mentres os nosos veciños saboreaban a tradicional sardiñada de San Xoán.

ILLA FANTASÍA

ESCOLA DO UNICORNIO


Illa Fantasía é un proxecto de animación á lecto-escritura no que participan tódolos centros de ensino público de infantil e primaria de Sada, e varios colexios dos concellos veciños.

O venres 16 de xuño realizarase o II Encontro no Albergue de Gandarío (Bergondo), onde se xuntan un milleiro de nenos e nenas. Para ameniza-lo festexo Queiroa pasará esa mañá tocando pezas de música tradicional para distraer ós asistentes.

III FESTIVAL DA ESCOLIÑA

O domingo 11 de xuño ás 18.00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura “Pintor Lloréns” de Sada, organizamos o terceiro festival infantil convidando a dúas asociacións que levan moitos anos impulsando a cultura tradicional galega, son A.C. Xacarandaina de A Coruña e A.C. Xirandola de A Bandeira (Pontevedra).

Co auditorio ateigado de xente aplaudindo ós artistas, a festa foi un espectáculo de folclore tradicional difícil de igualar. Para o ano máis!

V FESTA AMANEXA


O sábado 27 de maio na Pista Polideportiva de Dexo (Oleiros) a A.C. O Amanexo celebrou a súa quinta edición da Festa Amanexa.

Os grupos “Arnela” e “Morazón” acompañados de moitos membros da nosa asociación desfrutaron da estupenda festa.

CONCERTO DIDÁCTICO


O martes 16 de maio, co motivo do Día das Letras Galegas, organizamos un espectáculo para os alumnos/as do C.E.I.P. Plurilingüe O Mosteirón, e así ensinarlles un pouco da tradición musical propia de Galicia.

Participaron varias rapazas da Escoliña interpretando varias pezas tradicionais.

AXENDA DA PRIMEIRA QUINCENA DE MAIO


Nestes primeiros días de maio, entre outras actuacións, estaremos no programa Luar da TVG, na XXI Mostra Infantil de Baile Tradicional Xirandola e no XXVIII Concurso de Música Tradicional Xacarandaina.

Comezamos con forza!

XVIII CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL XIRADELA

O día 9 de abril celebrouse o XVIII Concurso de Música Tradicional Xiradela, que organiza a Asociación Xuvenil Xiradela no Centro Cívico Cultural de Arteixo en horario de mañá e tarde.

Este ano Queiroa participou na categoría A co “Grupo Alborelle” e na categoría B co “Grupo Morazón”.

Podedes mira-la actuación do "Grupo Morazón" entrando aquí

REDE CULTURAL 2017

Queiroa está inscrita dentro do programa Alicerce da Deputación da Coruña (Rede Cultural 2017).
Temos catro espectáculos, “Grupo de pandeireteiras/os”, “Grupo de baile tradicional”, “Grupo de gaita e percusión”, e toda a asociación en “Queiroa, 15 anos de folclore”.

COCIDO DE ENTROIDO

O sábado 4 de marzo no Restaurante “As Rodas” celebramos o tradicional Cocido de Entroido de Queiroa.

Nun inmellorable establecemento sito no Espírito Santo (Sada), a carón da N-VI.
Este ano contamos cun parque infantil e inchables para entreter ós máis pequenos da casa.

XXXII FESTA DA FILLOA DE SADA


O día 26 de febreiro, que este ano cadrou en domingo de Entroido, na carpa a carón do edificio “La Terraza” de Sada, probamos as sabedoras filloas da famosa Filloeira de Lestedo.


Da animación musical desta festa gastronómica encargouse o grupo de gaita e percusión de Queiroa.